Parece que este ano os nenos pontevedreses foron máis bos que de costume. Polo menos, os que viven en Monte Porreiro. Eles serán os primeiros en recibir a visita dos Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados de todo o seu séquito, chegarán á cidade un día antes do previsto. O domingo 4 de xaneiro, a partir das 16.30 horas, estarán xa na Casa de Cultura de Monte Porreiro.
Xa o día 5, luns, protagonizarán unha intensa axenda de actos en Pontevedra. Comezarán cun paseo a cabalo dende a Praza de España e que, tras atravesar Michelena, Peregrina, o Paseo de Odriozola, Pasantería, Sarmiento, César Boente e a Praza da Pedreira, concluirá ás 11.00 horas no Pazo de Mugartegui, onde serán recibidos polo alcalde e atenderán aos ilusionados nenos. Estarán acompañados de varios grupos de animación na rúa.
Tras descansar apropiadamente, prepararanse para a tradicional Cabalgata que sairá ás 18.00 horas da rúa Loureiro Crespo. Irá pasando, sucesivamente, por Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda. Serán en total sete carrozas -ademais dos tres Reis Magos, desfilarán o Pato Lucas, a Panteira Rosa, Garfield e os Lunnis- e máis dunha vintena de grupos de animación, música, cabalaría e camelos ou malabares.
Segundo explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, repartirase máis dunha tonelada de caramelos sen glute.
Todo o percorrido estará protexido por 800 valados e fitas, para que os nenos non poidan acceder á calzada e que unha imprudencia "non remate en traxedia". De aí que Carme da Silva fixese ademais un chamamento aos pais para que extremen a prudencia. "Os nenos están máis nerviosos do habitual", recordou a concelleira, polo que pediu a todos que respecten as indicacións da Policía Local, Protección Civil e o persoal municipal.
Ademais da seguridade, a outra gran prioridade do Concello de Pontevedra é o operativo de limpeza que se despregará "inmediatamente" tras o paso da cabalgata, para poder reabrir as rúas ao tráfico o antes posible. Participarán nel 14 persoas entre operarios e condutores, xunto con dúas máquinas sopradoras, catro varredoras, un camión e un vehículo cisterna.