Sete empresas optan á reforma do antigo ximnasio da ONCE

Pontevedra
24 de febreiro 2020

O orzamento do proxecto ascende a 448.636 euros e ten un prazo de execución de seis meses. As obras están encamiñadas a mellorar a eficiencia e o comportamento enerxético do edificio

Concentración da selección galega de sabre en Pontevedra
Concentración da selección galega de sabre en Pontevedra / Escola Hungaresa de Esgrima

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou este luns que son 7 as empresas que presentaron as súas ofertas para executar as obras de reforma do antigo ximnasio da ONCE.

A relación de empresas que se presentaron a esta contratación é a seguinte: Construcciones Abal S.A., Construcciones Orega, Construcciones Ramírez, Innova Profesional Desarrollos, Obras y Servicios Gómez Crespo, Prace, Servicios y Obras, Prado Lameiro.

Anabel Gulías informou que as ofertas están pendentes de informe técnico e lembrou que o importe deste proxecto ascende a 448.636 euros e que conta cun prazo de execución de seis meses.

A portavoz do Goberno indicou que a reforma do antigo ximnasio da ONCE ten unha gran importancia por canto "vai estar dedicado a deportes minoritarios, como son o taekwondo e a esgrima, que van ter un emprazamento onde poderán contar con todo o que precisan para adestrar".

Gulías fixo fincapé en que "xusto estes dous deportes menos comúns teñen moita repercusión deportiva na nosa cidade e están conseguindo grandes cousas".

En canto ás obras de reforma, a concelleira lembrou que o edifico presenta problemas de humidade e condensación por falta dunha ventilación adecuada, polo que a maior parte dos traballos se centrarán na modificación da cuberta e da fachada de cara a conseguir unhas instalacións axeitadas para o adestramento e eficientes enerxeticamente.

A reforma do antigo ximnasio da ONCE está enmarcada nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) "Máis Modelo Urbano Pontevedra".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora