Sete militares da Brigada Galicia VII, Brilat, resultaron feridos ao sufrir un accidente, caer por un noiro e envorcar cun Vehículo de Combate de Zapadores (VCZ) durante un exercicio de instrución e adestramento. Sucedeu na tarde deste martes en León, nas instalacións do campo de tiro e manobras de El Teleno, termo municipal de Luyego.
Trátase de sete soldados novos, todos eles destinados no Batallón de Zapadores VII con sede na Base Xeneral Morillo de Figueirido e que nestes momentos se atopan estables.
Segundo a información facilitada polo Ministerio de Defensa, os feridos formaban parte da tripulación dun VCZ. Son seis soldados e un sarxento, este último o xefe de vehículo.
O accidente ocorreu ás 18:50 horas deste martes 23 de novembro, cando se produciu a caída por un noiro e posterior envorco, do vehículo blindado ocupado polos sete militares, resultando feridos de diferente consideración.
Estes zapadores da Brilat estaban a realizar un exercicio táctico contemplado no programa anual de preparación e no que tamén participaban outras unidades da BRILAT. No momento do accidente foron atendidos polo persoal militar sanitario da unidade que, como é habitual neste tipo de exercicios, sempre se atopa presente durante a súa realización.
Unha vez estabilizados os militares foron evacuados por ambulancias militares e do servizo público de Sanidade de Castela e León (SACYL) sobre o Complexo Asistencial Universitario de León para avaliación e tratamento. Ao longo da noite realizáronselles diversas probas médicas que están pendentes de valoración.
Segundo a última información reportada por Defensa ás 11.00 horas deste mércores "os militares atópanse ingresados no centro hospitalario en observación e en estado estable, pendentes de evolución".
Cando o 112 de Castela León recibiu aviso do accidente, todos estaban xa fóra do vehículo accidentado e conscientes. Nun primeiro momento, desprazouse ao lugar unha ambulancia militar todoterreo e posteriormente vehículos de emerxencias da sanidade rexional, que enviou unha UVI móbil, tres ambulancias de soporte vital básico e persoal sanitario de atención primaria do centro de saúde de Astorga.
Ademais, varios vehículos militares interviñeron para trasladar ao persoal sanitario polo interior do campo de manobras ata o lugar do accidente.