Sete viticultores locais e cinco adegas do Morrazo participarán na Festa do Viño de Vilaboa

Vilaboa
16 de xullo 2022

Os días 30 e 31 de xullo regresará a Vilaboa a IX edición da Festa do Viño, para a cal o goberno local xa está ultimando os preparativos. Nesta ocasión, sete viticultores locais e cinco adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, unha delas de Vilaboa, convertirán durante eses dous días a festa nun escaparate no que dar a coñecer a variedade de aromas e matices que caracterizan os viños destas terras  

VIII Mostra do Viño de Vilaboa
VIII Mostra do Viño de Vilaboa / Diego Torrado

Os días 30 e 31 de xullo regresará a Vilaboa a IX edición da Festa do Viño, para a cal o goberno local xa está ultimando os preparativos.

A explanada de Riomaior, ao igual que na última edición, é o lugar elixido para esta celebración xa que desde o Concello consideran que é o mellor sitio "para dar cabida con maior comodidade á afluencia de público que habitualmente se rexistra neste evento".

Nesta ocasión, sete viticultores locais e cinco adegas da IXP Ribeiras do Morrazo, unha delas de Vilaboa, convertirán durante eses dous días a festa nun escaparate no que dar a coñecer a variedade de aromas e matices que caracterizan os viños destas terras.

A festa comezará o sábado ás 12:00 horas coa III Cata profesional das adegas e, á mesma hora, celebrarase o concurso-cata dos viños participantes: Elisa Ruibal García "Casa da Boullosa"; Manuel Conde Conde, Manuel Collazo Fernández, José Blanco Martínez "Quinteiro de Sabela"; Jesús Amoedo Leiro "Casa da Torre"; Manuel Rúa "Casa Quinteiro"; Martín Torres González "Casa Cañoteira"; Adega Reboraina (Redondela); Adega Ardán (Marín); Adega Mosteiro de Poio (Poio); Adega Videiras no Mar O Hío (Cangas) e Guillermo Martínez Pintos de "Adega Os Areeiros".

A maiores dos stands para as degustacións, o recinto ofrecerá un servizo de bar a cargo da cafetería O Toxo, mentras que os irmáns Iván e Jorge González, de Pulpería Selecta, encargaranse de que non falte polbo á feira durante toda a fin de semana

Desde o goberno local destacan que é unha forma de apostar pola promoción do comercio local xa que tamén participarán artesáns da vila. A ourivre Pilar Blanco ofertará un obradoiro de pintado en metal de pequenas xoias e as palilleiras locais tamén farán un obradoiro a partir das 19:00 horas.

Para amenizar as veladas haberá actuacións musicais e inchables para os nenos, completando este programa festivo que arrancará nas dúas xornadas ás 11:00 horas e se prolongará ata a media noite e do que "aínda quedan sorpresas por desvelar".