Sexto ano consecutivo cos impostos e as taxas conxeladas en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
20 de outubro 2021

Esta medida, que o executivo que preside Andrés Díaz, adoptou en 2015 tras a súa chegada ao goberno, implica que os contribuíntes do municipio pagarán a mesma cantidade nos seus recibos de 2022 que nos de 2021

Rúa da Igrexa, Ponte Caldelas
Rúa da Igrexa, Ponte Caldelas /

En 2022 tampouco subirán os prezos dos impostos e das taxas municipais en Ponte Caldelas. O goberno local decidiu conxelalas por sexto ano consecutivo.

Esta medida, que o executivo que preside Andrés Díaz, adoptou en 2015 tras a súa chegada ao goberno, implica que os contribuíntes do municipio pagarán a mesma cantidade nos seus recibos de 2022 que nos de 2021.

Así, non se modificarán os prezos do imposto sobre bens inmobles (IBI), o imposto sobre actividades económicas (IAE), o imposto sobre vehículos de tracción mecánica (viñeta) e o imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

Os veciños tamén pagarán a mesma taxa que este ano nos recibos do lixo, da auga e do saneamento que recada o Concello de Ponte Caldelas.

Ademais desta conxelación fiscal, Ponte Caldelas eliminou nos últimos anos unha serie de taxas que pagaba a veciñanza por diferentes servizos municipais.

Entre outras, desapareceron as taxas por uso do pavillón municipal de Chan da Barcia ou as das visitas á área arqueolóxica de Tourón, reduciuse o custo da auga ao pasar de 10 a 18 metros cúbicos ao mes por vivenda e eliminouse a viñeta para os vehículos de máis de 25 anos e outras sete taxas de certificados e outros documentos administrativos.

Esta medida pode levarse a cabo, segundo o alcalde, ante a "boa saúde económica" da que goza o Concello.