Sheila Pazos, de gañadora en Debut a finalista do certame International Talent Support

Pontevedra
19 de maio 2016

Esta estudante de Belas Artes e titulada en Esdemga foi seleccionada na categoría de traballos artísticos do certame de Trieste cunha peza inspirada na colección coa que gañou a última edición de Debut

A creadora Sheila Pazos
A creadora Sheila Pazos / DUVI

A International Talent Support (ITS) converteuse nunha plataforma para talentos emerxentes no mundo da moda. Na edición que se celebrará o próximo 16 de xullo daranse cita deseñadores de catro continentes na cidade italiana de Trieste. Entre eles atoparase a estudante de doutoramiento de Belas Artes e titulada en Esdemga en Pontevedra Sheila Pazos.

Trátase da única persoa seleccionada en España entre os 41 aspirantes de 21 países que foron proclamadas finalistas nas catro categorías deste certame. Participará na modalidade ITS Artwork coa colección que presentou para o seu proxecto de fin de estudos en Esdemga. Baixo o título Artificial Paradises, estes traballos mostráronse no Ego de Madrid Fashion Week.

Sheila Pazos ten que elaborar agora unha peza artística de parede para este certame no que obtará a dous premios que levan unha dotación de 10.000 euros. A deseñadora xa conseguira gañar coa súa colección o certame Debut.

Un total de 935 candidaturas de 78 países presentaron os seus proxectos a esta décimo quinta edición de International Talent Support. A pontevedresa foi seleccionada na modalidade de Artwork na que se valora artisticamente todo o que se presenta nas categorías de moda, accesorios e xoiería do concurso, como recolle Eduardo Muñiz no Diario da Universidade de Vigo (DUVI).

A colección de Sheila Pazos atópase inspirada no libro As cidades invisibles do escritor Italo Calvino. Partindo desa idea, Pazos decidiu recrear unha serie de paisaxes imaxinarias en forma de peza de vestir.