Silvia Pérez, investigadora do campus, recoñecida pola Delegación do Goberno polo seu labor contra a violencia machista

Pontevedra
22 de novembro 2023

A doutora en Socioloxía e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de Dirección e Xestión Pública, foi galardoada cos Premios Menina, que concede a Delegación do Goberno en Galicia. Recibe o recoñecemento polo seu labor investigador, centrado na violencia sexual e os imaxinarios sociais

Silvia Pérez Freire recibe o galardón dos Premios Menina
Silvia Pérez Freire recibe o galardón dos Premios Menina / Delegación do Goberno en Galicia

A socióloga e investigadora do campus de Pontevedra, Silvia Pérez Freire, converteuse nunha das galardoadas cos Premios Menina 2023, que concede a Delegación do Goberno en Galicia. 

O premio é concedido a esta profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de Dirección e Xestión Pública polo seu traballo investigador, centrado na violencia sexual e os imaxinarios sociais. Tamén se recoñece a súa traxectoria profesional como consultora científica e de xénero para diferentes ONG e administracións. 

A profesora recibía o galardón nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

O amplo percorrido profesional de Silvia Pérez está ligado á loita contra a violencia machista. Foi cofundadora da Rede galega contra a trata sexual, plataforma que traballa con vítimas deste movemento ilegal.

Pérez Freire tamén é membro da Rede Académica Internacional de Estudos de Prostitución e Pornografía (RAIEPP) e da Rede Iberoamericana de Investigación en Imaxinarios e Representación (RIIR).

Participou en 28 proxectos de investigación, en sete deles en condición de directora, e publicou 16 libros e 18 artigos académicos relacionados coas súas principais liñas de investigación, segundo recolle o DUVI.