Sinalizan a 'Ruta do Sol', un itinerario ciclista entre Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove

Pontevedra
19 de novembro 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, supervisou o remato das obras que supón a instalación dunha trintena de indicadores nun roteiro de preto de 50 quilómetros de lonxitude en sentido circular

A Xunta instala paneis informativos na PO-531 para protexer aos ciclistas
A Xunta instala paneis informativos na PO-531 para protexer aos ciclistas / Xunta de Galicia

A Consellería de Insfraestruturas ten en marcha unha campaña de sinalización dun roteiro ciclista protexido de preto de 50 quilómetros nos concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo e O Grove. Trátase dunha actuación global enmarcada no plan de seguridade viaria que pretende potenciar os indicadores dunha decena de percorridos por toda a comunidade.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luísa Piñeiro, estivo esta mañá na contorna da praia da Lanzada, en Sanxenxo, para supervisar a fase final desta mellora que supón o reforzo da sinalización no denominado Roteiro do Sol.

O obxectivo é aumentar a seguridade a través dun incremento cualitativo e cuantitativo dos indicadores en roteiros moi empregados polos ciclistas deportivos, "cos que temos que adaptar as mesmas medidas de prevención que cos afeccionados porque teñen a mesma vulnerabilidade", matizou Piñeiro.

Este roteiro ciclista protexido vai ser das primeiras en finalizar de toda Galicia. A súa configuración consiste na instalación de 30 indicadores, 14 sinais e 16 paneis de grandes dimensións, para advertir aos condutores da presenza habitual de ciclistas.

Este roteiro ten unha lonxitude de 48,3 quilómetros en sentido circular e beneficia a estas sete estradas autonómicas: PO-531, PO-308, PO-504, PO-550, PO-316, PO-312 e PO-317.