Continúan os enfrontamentos entre a xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) e diversos sindicatos que critican a xestión de material que se está a realizar durante a crise provocada polo Covid-19 nos hospitais públicos desta área sanitaria.
O sindicato médico CESM Galicia, CO.BAS e PROSAGAP denuncian que o venres 8 de maio, a través do correo corporativo, a Secretaría de Xerencia da área dirixiuse a cada un dos traballadores para acusar a "determinadas organizacións sindicais" de "manipular datos e difundir falsidades" durante esta crise.
Estes sindicatos insisten en que a dirección da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés "maquilla" os datos relativos ao número de profesionais sanitarios contaxiados. Segundo afirman, os casos positivos acumulados a data do 7 de maio en toda a poboación desta área ascendía a 858, dos que 125 son profesionais sanitarios. Unha cifra que supón o 14,56% das persoas infectadas nesta zona.
Por este motivo, acusan á xerencia de realizar unha "interpretación parcial e intencionadamente favorable" que non se corresponde coa realidade cando afirma que só o 2,9% do persoal viuse afectado dun equipo de 3.942 persoas.
Tamén volven contradicir os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde en relación aos equipos de protección persoal (EPIs) e, sobre todo, en relación ás máscaras cirúrxicas. A xerencia afirma que a media diaria durante marzo e abril foi de 5.545 unidades para 3.942 profesionais, o que supoñería que se utilizou unha media de 1,4 máscaras por traballador e quenda.
Esta cifra, segundo os sindicatos, supón menos da metade das que o Comité de Seguridade e Saúde Laboral, atendendo ás normas de Protección de Riscos Laborais, solicitaba a principios de marzo, cando reclamaban 3 máscaras por traballador e quenda.
Acusan á xerencia de José Ramón Gómez de estar máis preocupada por "vender" a súa xestión coma se fose unha competición con outras áreas sanitarias, que de poñer os medios necesarios para evitar os contagios e a expansión do virus.
Estes delegados sindicais manteñen que os EPIs foron insuficientes e algúns de mala calidade, que non tiveron material suficiente en todo momento, que se incumpriu a Lei de Prevención de Riscos Laborais e que os datos de contaxio entre o persoal de Lavandería eran os que ofrecían estes representantes dos traballadores e non a dirección dos hospitais.
Tamén sosteñen que os test para o person non se realizaron en tempo e forma adecuada, porque aínda non se testou á totalidade do persoal. Critican que os mandos intermedios non funcionen adecuadamente e que moitos centros non foron supervisados pola unidade de prevención e riscos laborais. Sosteñen tamén que "non menten cando aseguraban que non era verdade que Pontevedra fose a primeira área en non ter pacientes Covid en unidades de críticos", como anunciou a xerencia.
CESM Galicia, CO.BAS e PROSAGAP entenden que o correo enviado pola Secretaría da xerencia aos traballadores é un intento de xustificarse e recriminan os "malos tratos profesionais" que sufriu a "inmensa maioría" do equipo da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, con minusvaloración do traballo, falta de empatía e desprezo habitual. Os tres sindicatos sanitarios instan o equipo que lidera o xerente José Ramón Gómez a que reflexione e retome o diálogo cos representantes dos traballadores.