Sindicatos policiais critican a entrega de chalecos antibalas "con arranxos tipo Pepe Gotera e Otilio"

Pontevedra
06 de febreiro 2015

 A Unión Federal de Policía (UFP) denuncia que as axentes mulleres estean a devolver os seus chalecos "debido a que non se adaptan á súa anatomía e son incomodísimos de poñer". En resposta ás "numerosas queixas", presentou unha queixa formal, pero "parece que ou fan oídos xordos ou a súa resposta é tan lenta que non é efectiva. Mentres tanto, as mulleres policías están "sen chaleco e esperando", co "conseguinte risco"

Concentración na comisaría de Pontevedra en lembranza de Vanessa Lage
Concentración na comisaría de Pontevedra en lembranza de Vanessa Lage / Mónica Patxot

O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) denunciou este venres que a raíz do falecemento da axente Vanessa Lage en acto de servizo no transcurso dun atraco en Vigo incrementouse a entrega de chalecos en certas unidades, pero o fixeron cuns materiais que non cumpren os requisitos necesarios, senón que mesmo chegan a entregarlles materiais "apañados con arranxos tipo Pepe Gotera e Otilio".

A UFP critica, ao respecto, que con esta repartición masiva de chalecos "se intenta pechar en falso unha crise", pois Vanessa Lage non levaba chaleco no momento do falecemento, pero para arranxar esa crise úsanse unhas formas que en Pontevedra levaron a que as axentes mulleres estean a devolver os seus chalecos, acompañando esta devolución cun escrito dirixido á Secretaría de Estado de Seguridade no que informan da incidencia.

Segundo indican, as pezas que se entregan ás mulleres teñen o mesmo corte e longura que o modelo masculino, pero se dá a circunstancia de que o talle dos pantalóns de muller é máis alto que o de home, de modo que "tropeza co cinto" e cando as policías se sentan "prodúcelles efecto guillotina sobre a barbela".

Engaden que os chalecos son os mesmos que os masculinos aos que se colocou unha banda na zona do peito para axustar, de maneira que producen "unha grande incomodidade" e provoca que "non son operativos de levar". Todo iso motiva que as policías "non poden utilizar estas pezas debido a que non se adaptan á súa anatomía e son incomodísimas de poñer".

En resposta ás "numerosas queixas" recibidas, a UFP presentou unha queixa na Dirección Xeral, pero, segundo indican nun comunicado, "parece que ou fan oídos xordos ou a súa resposta é tan lenta que non é efectiva. Mentres tanto, as mulleres policías están "sen chaleco e esperando", co "conseguinte risco".