Sito Miñanco deféndese da acusación de branqueo: "A partir do ano 91 eu estaba preso"

Pontevedra
30 de novembro 2018

José Ramón Prado Bugallo fixo uso este venres do seu dereito á última palabra para pechar o xuízo por branqueo de capitais no que sentou no banco dos acusados da Audiencia. Falou durante minuto e medio con marcado acento de Cambados e en galego    

Sito Miñanco, na última sesión do xuízo por branqueo na Sección Segunda da Audiencia Provincial Mónica Patxot

José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, fixo uso este venres do seu dereito á última palabra para pechar o xuízo por branqueo de capitais no que sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra durante o último mes. Co seu marcado acento de Cambados, e expresándose sempre en galego, volveu soster a súa inocencia.

Na súa intervención, de minuto e medio, quixo aproveitar para puntualizar cuestións que considera que poden non quedarlle claras ao tribunal, unha relativa á acusación que pesa sobre a súa filla, Rosa María Prado Pouso, e outra súa propia.

En relación coa súa persoa, sostivo que el non pode realizar actividades para branquear diñeiro a través da inmobiliaria San  Saturnino entre os anos 1988 e 2007, como sostén o fiscal. Ou, polo menos, non puido facelo en parte dese tempo, pois "a partir do ano 91 eu estaba preso" e esa situación durou ata 1998.

Esta foi a súa alegación final:

"Puntualizar dous puntos que, ao meu criterio, ao mellor ao criminal non lle quedaron claros. 

O señor fiscal no seu informe quere... a batea que comprou a miña filla, a Manuela, deu a entender como que fora miña porque se chama Prado e a miña nai chámase Bugallo López. O que non di o señor fiscal é que esa batea comprouse no ano 70, cando eu tiña 15 anos e comprouna meu pai, que estaba en gananciais con miña nai, e meu pai chámase Prado. Cando morreu meu pai, era a batea de miña nai, polo tanto, o nome de Prado non ven de min, ven de meu pai. 

Por outro lado, xa o explicou o avogado da miña filla, pero quero que ao tribunal lle quede claro, unha batea cando se vende véndese vacía, véndese a comisión, de mexillón, de ostra... véndese o que é a batea. Se a miña filla comprouna en 18 e ese ano, ao seis meses, quitoulle 40 é porque a avoa deixoulla cargada de ostras. Simplemente eso. 

E a partir do ano 91 eu estaba preso. Osea que entón non puiden estar nin en astilleros nin en astilleros falsos porque eu estaba preso ata o 98".