Sito Miñanco pide saír de prisión por medo ao coronavirus

O Salnés
03 de abril 2020

O pasado 31 de marzo o avogado do cambadés dirixiu un escrito á xuíz da Audiencia Nacional María Tardón, no que xustifica está medida por padecer diabetes, hipertensión arterial e niveis altos de colesterol. E cualifica a algunha destas patoloxías como "de considerable gravidade" apoiándose en informes médico

Sito Miñanco, á saída da Audiencia Provincial de Pontevedra
Sito Miñanco, á saída da Audiencia Provincial de Pontevedra / Mónica Patxot

O narcotraficante José Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, pediu a súa excarceración por medo a contraer o coronavirus en prisión.

Segundo informa o xornalista Óscar López Fonseca, en páxinas do diario El País, o pasado 31 de marzo o avogado do cambadés dirixiu un escrito á xuíz da Audiencia Nacional María Tardón, no que xustifica está medida por padecer diabetes, hipertensión arterial e niveis altos de colesterol. E cualifica a algunha destas patoloxías como "de considerable gravidade" apoiándose en informes médicos.

O narcotraficante considera que nin o xulgado nin Institucións Penais poden garantir "o seu dereito á vida e integridade física" porque non tería acceso a un tratamento médico en caso de enfermar por Covid-19, e esgrime que faltan medios de protección adecuados.

Sito Miñanco, de 66 anos, permanece en prisión preventiva despois de que fose detido por orde da Audiencia Nacional en febreiro de 2018. A principios de 2019 foi condenado pola Audiencia de Pontevedra a catro anos de cárcere e a pagar unha multa de seis millóns de euros como autor dun delito de branqueo de capitais.

Finalmente, no escrito tamén destaca que o actual estado de alarma, coa poboación confinada no seu domicilio, "fai imposible a existencia de risco de fuga algún".