O aumento das patoloxías respiratorias, especialmente a gripe, segue causando estragos na atención sanitaria da área de Pontevedra e O Salnés. Así o recoñeceu este venres o seu xerente, José Flores.
A situación é "moi complicada", segundo Flores, xa que todos os hospitais da área sanitaria, especialmente o de Montecelo, "seguen tendo moita presión sobre os servizos, sobre todo en Urxencias".
Nestes momentos hai un trinta pacientes á espera de cama.
É unha cifra menor á que se rexistraba onte debido ao "inxente" traballo do persoal sanitario para dar altas a todos os pacientes "que estaban en condicións de irse a casa" para deixar a súa praza aos enfermos que esperaban cama.
Ao mesmo tempo, "seguimos expandindo o hospital", explicou o xerente da área sanitaria, de forma que están dispoñibles o 100% das camas en Montecelo e o Provincial e habilitáronse zonas de "preingreso" en diferentes servizos.
Alí, os pacientes que non teñen camas asignadas son atendidos por persoal de enfermaría e por técnicos de coidados auxiliares.
Ademais, do mesmo xeito que na xornada de onte reprogramáronse cirurxías para a próxima semana, xa que a expectativa é que esta situación "se vai a manter, polo menos, durante uns cantos días máis".
"Seguimos traballando sen descanso para conseguir que todos aqueles pacientes que necesiten asistencia poidan ser atendidos", sostivo José Flores.
O xerente, en todo caso, pediu que aquelas persoas con patoloxías menores "que non necesitan vir aos hospitais estes días", non acudan a Urxencias para "deixar espazo libre" aos pacientes "que realmente o necesitan".