SmartPeme incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico

Pontevedra
11 de setembro 2017

A Deputación de Pontevedra incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros SmartPeme, unha iniciativa que experimentou este ano un incremento de arredor do 50% tanto nas demandas atendidas como na asistencia ás actividades de formación

Aula CEMIT
Aula CEMIT

A Deputación de Pontevedra incorporará unha carteira de servizos para o sector turístico e novas temáticas de obradoiros SmartPeme, unha iniciativa que experimentou este ano un incremento de arredor do 50% tanto nas demandas atendidas como na asistencia ás actividades de formación.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, mantivo este luns unha reunión coas persoas responsables de SmartPeme e cos axentes TIC presentes en cada unha das seis oficinas coas que conta este programa ao longo do territorio da provincia de Pontevedra e avanzou as novidades do programa para este novo curso.

Así a institución provincial tamén asesorará ás persoas que integran o espazo coworking do polígono de Barro-Meis, traballará para a captación de novos colectivos, nomeadamente os comercios minoristas e o sector cooperativista, e tamén elaborará un plan de difusión para aumentar a presenza de SmartPeme no tecido empresarial, a través do envío de newsletters informativas periódicas, a actualización da páxina web do programa, o envío de e-mails recordatorios coa programación dos obradoiros e a colaboración cos concellos para implantar espazos publicitarios que permitan incrementar o coñecemento da cidadanía deste proxecto.

Un dos proxectos "máis ambiciosos" é unha carteira de servizos para o sector turístico. A través desta, empregarase a base de datos da Smart Destination para identificar as necesidades do sector, ademais de contar con "actividades formativas de alto impacto", cun servizo de información e asesoramento personalizados e un calendario de accións promocionais específicas. Carmela Silva asegurou que esta carteira de servizos terá un "lugar destacado" dentro do plan estratéxico que está a elaborar a Deputación de Pontevedra para o turismo da provincia.

Carmela Silva sinalou que SmartPeme obtivo uns "excelentes resultados" debido a que "é unha moi boa idea que é necesario que se potencie aínda máis, para chegar ao conxunto da cidadanía". 

A presidenta tamén avanzou que na sede do Salnés (coa oficina de Cambados) realizarase un evento para o sector vitivinícola coa colaboración da D.O. Rías Baixas. En Pontevedra organizarase unha xornada para a atracción do pequeno comercio ademais de colaborar con asociacións como AEMPE (ofrecendo formación en ofimática) e AJE Pontevedra (neste último caso, integrándose no seu programa Emprende 3.0) e o programa tamén terá presenza en distintos eventos como o Pont-Up Store que se celebra o 21 deste mesmo mes.