Só Moraña e Ponte Caldelas quedan no nivel alto de restricións na área sanitaria

Pontevedra
25 de maio 2021

Vilanova de Arousa e Cambados abandonan este nivel, segundo as decisións adoptadas polo comité clínico que se reunía durante a tarde deste martes 25 de maio. Sanidade estableceu o nivel máximo de restricións en Galicia nos Concellos de Lobios, que xa estaba nesta situación, A Pobra do Caramiñal e Mos

Probas PCR en Ponte Caldelas
Probas PCR en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Dos catro concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés que se atopaban no nivel alto de restricións só quedarán a partir do sábado 29 de maio, os de Ponte Caldelas e Moraña, segundo a decisión adoptada na tarde deste martes polo comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19.

Con esta medida, Vilanova de Arousa e Cambados abandonan este nivel a partir desa mesma data e no caso do primeiro pasará directamente a un nivel medio baixo.

O comité clínico si decidía aumentar a tres municipios o nivel máximo de restricións. Se a semana pasada esta medida só adoptábase co Concello de Lobios, agora únense tamén A Pobra do Caramiñal e Mos.

No nivel alto de restricións, ademais de Moraña e Ponte Caldelas atoparanse Ribeira, Ordes e Viveiro. Xa en nivel medio situaranse, ademais de Cambados, Bueu, dentro da área sanitaria e os do Barco de Valdeorras, Ponteareas, Moaña, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte, no resto de Galicia.

No resto dos  concellos galegos manteranse vixentes as actuais restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas as medidas entrarán en aplicación a partir das 00.00 horas do próximo sábado, 29 de maio.