Só restan "pequenos retoques" para estrear a renovada Praza de Ponteporto

Marín
15 de marzo 2022

A obra, na que Marín investiu 237.000 euros do remanente municipal de tesourería, consistiu na pavimentación e impermeabilización da superficie da praza, o que solucionou unha problemática de humidades que era urxente resolver.

Obras na praza de Ponteporto
Obras na praza de Ponteporto / Concello de Marín

As obras de reforma urbana que o Concello de Marín está a realizar na Praza de Ponteporto están a piques de rematar. A estes traballos, segundo o goberno municipal, só lle faltan "pequenos retoques" que se farán nos próximos días.

A obra, na que se investiron 237.000 euros do remanente municipal de tesourería, consistiu na pavimentación e impermeabilización da superficie da praza, o que solucionou unha problemática de humidades que era urxente resolver.

O obxectivo, o mesmo que as obras que se fixeron no ano 2016 no nivel inferior da praza, era poñer fin aos problemas de filtracións de auga que se producían ata o momento no establecemento de alimentación situado baixo a praza cando chove.

Tamén se detectaran problemas de humidades noutros locais comerciais da zona.

A superficie total sobre a que se actuou é de 1.056 metros cadrados, aos que se suman 25 máis das escaleiras de acceso desde a Avenida de Ourense e da escaleira central que comunica os dous niveis da praza.

Aproveitando o proxecto de mellora, renovouse parte do mobiliario urbano coa instalación de sete novos bancos e cambiáronse as luminarias da praza por lámpadas de tecnoloxía LED.