Soben a dúas as persoas hospitalizadas por Covid na área sanitaria, nunha xornada con tres novos positivos

Pontevedra
30 de xullo 2020

Os casos activos de coronavirus en Pontevedra e O Salnés ascenden ata os 23, tres máis dos rexistrados o mércores, segundo o balance diario ofrecido este xoves 30 de xullo pola Consellería de Sanidade

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo durante la crisis sanitaria do coronavirus Mónica Patxot

Despois dunha xornada de transición na que non se experimentaron cambios no balance de afectados por coronavirus na área sanitaria, as cifras volven subir este xoves 30 de xullo en Pontevedra e O Salnés.

Tres novos positivos rexistrados sen que se producisen altas epidemiolóxicas provocaron un incremento do mesmo número nos 'casos activos', que pasan a ser de 23.

Ademais, unha nova persoa foi ingresada en planta no Hospital de Montecelo, pasando a ser dous os pacientes positivos en Covid que precisan de atención médica. O resto de 21 afectados evolucionan nos seus domicilios.

Ao non procudirse altas con respecto ao día anterior, o número de persoas que superaron o virus na área sanitaria mantense en 912, mentres que son 16 os falecementos asociados á pandemia.

A nivel autonómico prosegue o aumento de positivos xa que na última actualización o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 260, polos 249 da xornada anterior. Deles 76 son da área da Coruña, 80 da de Lugo, 7 da de Ourense, 23 da de Pontevedra, 49 da área de Vigo, 23 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 está en UCI, 9 en unidades de hospitalización e 250 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.262 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 248.544.