O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este xoves á Xunta de Galicia que anticipe a ampliación do programa de cribado poboacional de cancro de mama para incluír as mulleres de entre 45 e 49 anos, unha medida recentemente aprobada pola Comisión de Saúde Pública do Sistema Nacional de Saúde.
Durante unha visita ás instalacións da Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra, Besteiro valorou positivamente a modificación do programa estatal de detección precoz do cancro de mama, aprobada o pasado 20 de maio, que amplía a poboación destinataria das mamografías periódicas desde o actual rango de 50 a 69 anos até as mulleres de entre 45 e 74 anos.
A nova proposta mantén a realización dunha mamografía cada dous anos para todo o rango de idade incluído no programa. A súa implantación será progresiva, de modo que as comunidades autónomas disporán dun prazo máximo de tres anos para iniciar a ampliación e de até seis anos para alcanzar unha cobertura próxima ao 100 % entre os novos grupos de idade.
Ante este calendario, o líder dos socialistas galegos instou o Goberno autonómico a adiantar a súa aplicación en Galicia.
Segundo explicou Besteiro, a medida podería beneficiar a unhas 116.000 mulleres galegas de 45 a 49 anos.
"O cribado é eficaz, salva vidas e adiantalo aos 45 anos é unha medida positiva que imos pedir", sinalou Besteiro, quen subliñou que a experiencia acumulada demostra a efectividade destes programas de detección precoz. "É un éxito como sociedade que esteamos a vencer un cancro que durante moito tempo significaba a morte", engadiu.
O PPdeG reclama rigor ao PSdeG
A portavoz de Sanidade do PPdeG, Encarna Amigo, reclamou ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, "responsabilidade e seriedade" ao abordar a posible ampliación do programa de cribado de cancro de mama en Galicia. A deputada popular defendeu que Galicia é unha comunidade de referencia neste ámbito e criticou o que cualificou de "titulares sen rigor".
Amigo lembrou que a ampliación do cribado ata os 74 anos, aplicada en Galicia desde hai anos, serviu de base para que o Ministerio de Sanidade apostase por estender esa medida ao conxunto do Estado. Ademais, sinalou que a proposta para ampliar o programa ás mulleres de entre 45 e 49 anos aínda está pendente de aprobación definitiva polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
A deputada explicou que, unha vez validada a medida, será necesaria unha modificación da carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde mediante unha orde ministerial, un proceso que podería prolongarse durante meses. Posteriormente, as comunidades autónomas disporían de tres anos para implantar a ampliación, polo que instou ao líder socialista a "non xerar expectativas sen respaldo normativo".
O PPdeG destacou tamén que a Xunta xa ofrece cribados a mulleres desde os 35 anos dentro das primeiras fases do proxecto Xenoma Galicia, baseado na estratificación do risco mediante análises xenéticas. Así mesmo, puxo en valor a ampliación pioneira do programa ata os 74 anos realizada en Galicia en 2023 e o liderado da comunidade no proxecto de investigación Mamo Risk, centrado na personalización da prevención segundo factores de risco e protección.
Encarna Amigo concluíu que Galicia continuará mellorando as súas políticas de detección precoz do cancro con base en criterios técnicos e evidencia científica, fronte ao que definiu como "propaganda" por parte do PSdeG.
Situación da Sanidade Pública
Durante a súa comparecencia, Besteiro tamén se referiu ás mobilizacións convocadas este xoves en toda Galicia pola Plataforma SOS Sanidade Pública para denunciar a situación das listas de espera no sistema sanitario galego.
O dirixente socialista asegurou que as protestas reflicten unha realidade que o seu partido vén denunciando desde hai tempo e acusou á Xunta de carecer dunha planificación axeitada en materia sanitaria.
"Estamos a observar unha falta de planificación e de capacidade para anticiparse a problemas reais como as listas de espera", afirmou.
Así mesmo, vinculou esta situación coas dificultades existentes na xestión das baixas laborais e cos atrasos na realización de probas diagnósticas. Neste sentido, defendeu a necesidade de incrementar o investimento en sanidade pública, especialmente en atención primaria e asistencia hospitalaria.
"O que hai que facer é planificar e, sobre todo, dotar de máis recursos ao sistema", sostivo.
Besteiro lembrou ademais que, segundo indicou, o Estado transferiu nos últimos anos importantes recursos adicionais ás comunidades autónomas para reforzar os servizos públicos, incluída a sanidade. Ao seu xuízo, eses fondos non se están a traducir nunha mellora da atención sanitaria en Galicia, unha situación que, segundo afirmou, contribúe ao mantemento de longas listas de espera.