Os socialistas reclaman a conservación dun humidal no novo parque da Parda

Pontevedra
15 de xullo 2025
Actualizado: 18:25

Asegura o PSOE que o proxecto orixinal do parque, tal e como está contemplado, practicamente implica a desaparición desta zona húmida

Iván Puentes e Manuel Fariña
Iván Puentes e Manuel Fariña /

O grupo municipal do Partido Socialista presentará unha moción para o seu debate no vindeiro pleno do Concello de Pontevedra na que recollen a reclamación dun grupo de veciños e asociacións que reclaman que o Concello adopte medidas de protección e conservación medioambiental da chamada Xunqueira da Parda.

Trátase dun humidal duns 8.000 metros cadrados de superficie e, segundo aseguran, "grande valor biolóxico" que está situado neste barrio pontevedrés.

A moción rexistrada polo PSOE insta ao goberno Local a "estudar as modificacións necesarias sobre o proxecto inicial do parque da Parda para garantir a protección e conservación da Xunqueira da Parda".

Así o explicaron os concelleiros socialistas Iván Puentes e Manuel Fariña que suxiren que tanto o parque como a Xunqueira da Parda "se integren no futuro anel verde do leste da cidade e no Plan de Infraestrutura Verde de Pontevedra, en particular no trazado da Vía Verde das Rías Baixas entre Vilagarcía e Vigo".

Os concelleiros alertan de que no proxecto orixinal, tal e como está contemplado, "practicamente implica a desaparición desta zona húmida"

Concretamente, Iván Puentes di que só está prevista "unha canalización de augas, máis a xeito de aliviadoiro da auga que alí nace que de protección da xunqueira" coa finalidade de evitar que se concentre e se xeren inundacións.

Os concelleiros din ser "conscientes das dificultades que existen" unha vez que a obra está iniciada.

"Non pretendemos que se paralice a obra, o que pretendemos é que se busque unha solución", dixeron.