Socorristas de Poio denuncian que o Concello lles paga menos do comprometido

Poio
11 de agosto 2021
Actualizado: 19:09

O PP traslada a "gran preocupación" polo incumprimento dos compromisos económicos e laborais do Tripartito cos socorristas que prestan servizo en Cabeceira e Xiorto: "Síntense totalmente enganados e xa valoran irse a outros concellos"

Socorristas na praia de Cabeceira
Socorristas na praia de Cabeceira / Concello de Poio

Os socorristas que traballan nas praias de Poio veñen de presentar no Rexistro municipal una reclamación na que denuncian que o Concello lles está a pagar menos do comprometido.

A reclamación presentada por estes socorristas é o paso previo a tomar medidas xudiciais pola rebaixa de 138,55 euros mensuais desde o ano pasado. A indignación é maior porque os afectados só descubriron a rebaixa ao recibir a nómina de xullo, xa que, denuncian, o Concello tampouco lles entregou o documento coas condicións laborais e económicas.

O PP de Poio tivo coñecemento desta queixa e trasladou este mércores a "gran preocupación" polo problema derivado dos "incumprimentos do Tripartito" a estes traballadores que prestan servizo nas praias de Cabeceira e Xiorto e advertiu das consecuencias deste conflicto, "que podería supoñer a perda da única bandeira azul de Poio".

O voceiro popular Ángel Moldes fíxose eco do "profundo malestar" dos socorristas "tras comprobar que o Tripartito está incumprindo as condicións laborais e económicas que lles prometeu para cubrir eses postos". Os socorristas denuncian que Concello lles paga menos do comprometido cando os contratou e incluso menos do que pagou o ano pasado polas mesmas funcións e categoría profesional.

Moldes subliñou que "é tal o enfado que mesmo están valorando irse a outros concellos", xa que se senten "totalmente enganados", xa que algúns deixaron o seu posto noutros municipios "polas promesas do Tripartito e agora se atopan con este incumprimento".

Moldes recordou a importante falta de socorristas na provincia, que impediu izar a Bandeira Azul en distintos municipios. O voceiro popular anunciou que o PP pedirá explicacións ao Concello na primeira Comisión municipal que se celebre.

RESPOSTA DO CONCELLO

Dende o Concello de Poio informaron que o departamento de Intervención desestimou a reclamación do socorrista.

Segundo explicaron, a nómina deste ano é correcta, foi o ano pasado cando, debido a un erro administrativo, calculouse o soldo base de máis. Por iso o socorrista pensaba que este ano está cobrando menos do que lle corresponde.

Ademáis o Concello destaca que en ningún caso suporía a perda da bandeira azul, porque no caso de que esta persoa renunciase aínda habería cinco socorristas, xa que en Xiorto o Concello mantén o servizo pese a non dispor de bandeira azul.