Sogama reciclou máis de 65.000 quilos de residuos sanitarios durante o Estado de Alarma

Pontevedra
22 de maio 2020

Seguindo as instrucións do Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, decidiron valorizar enerxeticamente os residuos dado o negativo impacto ambiental e para a saúde que suporía o vertido destes materiais

Reciclaxe dos residuos sanitarios en Sogama
Reciclaxe dos residuos sanitarios en Sogama / Sogama

O crecemento exponencial da xeración de residuos sanitarios no marco da pandemia do COVID-19, que alcanzou o seu pico máis alto a finais de marzo e principios de abril, e a sobresaturación das instalacións que, en Galicia, se viñan facendo cargo destes refugallos, levou ao SERGAS a solicitar, a través da Consellería de Medio Ambiente, a colaboración de Sogama para xestionar, nas mellores condicións, residuos sanitarios de baixo risco tales como buzos, mascarillas, luvas e asimilables.

Deste xeito, seguindo as instrucións do Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica, decidiron valorizar enerxeticamente os residuos dado o negativo impacto ambiental e para a saúde que suporía o vertido destes materiais.

Nos últimos días, a empresa de reciclaxe tratou máis de 65.000 quilos de residuos sanitarios de baixo risco procedentes de centros adscritos ao SERGAS, e habilitou unha instalación provisional na que estes refugallos son triturados e acondicionados para ser valorizados enerxeticamente na planta termoeléctrica a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo así a destrución de patóxenos e outros elementos nocivos.

Este servizo, que cesou o 21 de maio, desenvolveuse de forma independente á dos urbanos, tanto desde o punto de vista loxístico e operativo como laboral.