Soldados da Brilat socorren á vítima dun accidente de tráfico en Zaragoza

Pontevedra
16 de novembro 2017

Fontes da Brilat consultadas por PontevedraViva indicaron que a compañía de abastecemento do Grupo Loxístico da Brigada viu o coche envorcado cando regresaba de San Gregorio e atendeu ao seu único ocupante, que estaba ferido, ata a chegada das ambulancias civís 

Accidente de tráfico na estrada AP-68 en Zaragoza
Accidente de tráfico na estrada AP-68 en Zaragoza / BRILAT

Soldados da Brilat Galicia VII realizaron esta semana unha intervención pouco habitual e que resultou crucial nun accidente de tráfico en Aragón. Os militares atopáronse cun vehículo sinistrado e socorreron a vítima, un home que estaba gravemente ferido. Estabilizárono e prestaron asistencia ata a chegada das ambulancias civís

O ferido resultou ser, segundo informa o Diario La Rioja, o presidente da Federación Rioxana de Fútbol, Jacinto Alonso Marañón. O vehículo que conducía saíuse da vía á altura da peaxe de Alagón, a poucos quilómetros de Zaragoza, e resultou ferido.  

Fontes da Brilat consultadas por PontevedraViva indicaron que os soldados regresaban das manobras realizadas no Centro de Adestramento de San Gregorio, en Zaragoza, desde o 5 de novembro. Empezaron a regresar entre este martes 14 e este mércores 15 e o Grupo Loxístico foi, como é habitual, o último en abandonar o campo de adestramento. Pouco despois de poñer rumbo á base General Morillo de Figueirido, cruzouse co accidente.

O suceso ocorreu sobre as 11.15 horas da mañá deste mércores na autovía AP-68, a poucos quilómetros da saída de Zaragoza. O regreso dos militares organízase en varias columnas por cuestións operativas e a que se atopou o accidente foi a da compañía de abastecemento do Grupo Loxístico.

Os militares viron o coche envorcado e parte da columna detívose. A maior parte dos efectivos continuou camiño, pero os medios sanitarios quedaron no lugar do accidente. Os sanitarios e a ambulancia militares atenderon o accidentado ata a chegada das ambulancias civís. 

Pouco despois, os militares retomaron o rumbo cara a Pontevedra, onde está previsto que cheguen ao longo da xornada deste xoves

Segundo o Diario La Rioja, o ferido circulaba só no vehículo e xa se atopa fóra de perigo.