Solicitan a colaboración dos veciños de Portas para evitar o mal uso dos contedores de lixo

Umia
13 de outubro 2022

Aparece de maneira reiterada material inadecuado que provoca serios danos e avarías no camión de recollida dos residuos sólidos urbanos

Mangueiras eléctricas nun contedor de lixo
Mangueiras eléctricas nun contedor de lixo / Concello de Portas

O Concello de Portas solicita a "máxima colaboración veciñal" para evitar que se sigan utilizando de maneira inadecuada os contedores de lixo do municipio. 

Nos últimos días leva aparecendo de maneira reiterada: material de obras, entullo, anacos de mangueira eléctrica, entre outros elementos que non se poden depositar nestes recipientes de recollida de residuos sólidos urbanos.

Ante esta situación, o Concello advirte de que "se tomarán medidas contra os infractores" xa que a proliferación de residuos inapropiados están a provocar "serias avarías" no camión de recollida de lixo que ao accionar os sistemas de empacado resultan danados.

Por outra banda, o Concello de Portas puxo en coñecemento da Garda Civil o achado de restos de mangueiras eléctricas seccionadas co fin de que comproben a súa orixe e determinen se están relacionadas co material substraído recentemente no municipio.

O Concello de Portas leva meses renovando os contedores e optimizando o servizo de recollida de lixo polo que reitera a súa petición de colaboración veciñal para que este traballo se realice de maneira correcta.