Solicitan ao Concello a compra de chalecos antibalas para a Policía Local

Pontevedra
01 de xaneiro 2017

Pedírono por escrito os representantes sindicais de Comisións Obreiras e UXT "con carácter urxente" ante "o estado de alerta 4 por risco de atentado yihadista". Solicitan a adquisición dun chaleco por axente adaptado á talla de cada un deles para "poder atender calquera incidencia durante o servizo cun mínimo de seguridade"

Policía Local de Pontevedra Mónica Patxot

Os representantes sindicais de UXT e Comisións Obreiras na Policía Local de Pontevedra, José Moldes e Antonio Millares, presentaron un escrito ao Concello solicitando a compra de chalecos antibalas para o persoal do corpo policial municipal.

En concreto presentaron por rexistro unha petición para adquirir "con carácter urxente" un chaleco por axente "adaptado en talla a todo o persoal que preste servizo".

Os delegados de persoal xustifican a urxencia "polo estado de alerta 4 por risco de atentado yihadista" e coa intención de "poder atender calquera incidencia durante o servizo cun mínimo de seguridade", sinalan no seu escrito.

Actualmente a Policía Local de Pontevedra conta con diversos chalecos antibalas "que se atopan unicamente nos maleteiros dos vehículos, con tallas únicas e pensados para a anatomía masculina", explican.

Por ese motivo, ademais do peso e a talla de cada axente, piden a compra de chalecos deseñados especificamente para a muller "permitindo un uso policial en igualdade de condicións que o home". Todo iso incluíndo no novo material a lenda da Policía Local e adaptado á cor do uniforme actual.

"Do mesmo xeito que non nos negamos a intervir en incidencias que poñan en risco a nosa saúde (é a nosa obrigación), tampouco o Concello pode eludir as súas obrigacións e debe dotarnos de medios eficaces" que garantan a súa seguridade, conclúe o escrito presentado.