Solidariedade para confeccionar nunha semana 22.000 máscaras anticontaminantes en Sanxenxo que se distribúen en oito municipios

Sanxenxo
02 de abril 2020

Ata este xoves 2 de abril, a Policía Local xa leva entregadas 8.100 máscaras entre os máis de 1.200 domicilios de Sanxenxo que o solicitaron por vía telefónica. O Concello puxo en marcha a operación de creación destas máscaras de tea tras adquirir o material nunha fábrica de Vic, Barcelona, a través do asesoramento da Consellería de Sanidade

Un policía local de Sanxenxo entrega máscaras de protección a unha veciña
Un policía local de Sanxenxo entrega máscaras de protección a unha veciña / Concello de Sanxenxo

En pouco máis dunha semana, numerosas persoas traballaron de maneira solidaria para elaborar 22.000 máscaras que se están distribuíndo en oito municipios. O Concello de Sanxenxo iniciou esta actividade a través do Taller de Arte de Dena e, co paso das días, a proposta converteuse nun "exemplo de organización e solidariedade", segundo indica o alcalde Telmo Martín.

O  Concello comprara a tea a un dos provedores indicados pola Consellería de Sanidade, que ten unha fábrica en Vic, Barcelona. O Taller de Arte encargouse, cando recibiu a tea, de coordinar a confección destas pezas anticontaminantes. A propietaria da  Sastrería IDA en Dena axilizou a confección das máscaras encargándose de cortar toda a tea e, desta forma, facilitou o traballo das costureiras.

Unha desas costureiras, veciña de Cambados, coseu 3.800 máscaras converténdose nun referente para numerosas costureiras que se ofreceron ao Concello para desenvolver este labor.

Tamén estudantes e antigo alumnado do Instituto Manuel Antonio de Vigo ofrecéronse a colaborar creando 1.200 máscaras en poucas horas. Tamén a mercería Salgueiro de Vilalonga, O Tear no Grove e Tecidos Loli en Sanxenxo doaron gomas para incorporar ás pezas. A lavandería Vit- Sec de Sanxenxo encargouse de lavalas e o Grupo Froiz doou as bolsas de plástico para a distribución do material.

Parte da tea adquirida foi entregada, segundo o goberno local, a varios municipios e á  Mancomunidade do Salnés para elaborar 8.000 unidades. Das 14.000 creadas repartíronse 1.800 entre diversos organismos da comarca, 1.100 entre servizos como Policía, emerxencias, Centro de Día, mariñeiros, taxistas, correos, persoal de limpeza do Concello de Sanxenxo. E os axentes da Policía Local levan repartido 8.100 máscaras entre máis de 1.200 domicilios de Sanxenxo que o solicitaron a través de chamada telefónica.