Solidariedade pontevedresa coas persoas refuxiadas

Pontevedra
13 de setembro 2015

Varios centos de pontevedreses concéntranse na Praza da Ferrería e protagonizan unha manifestación polo centro da cidade denunciando que "os estados e institucións europeas non están respondendo á crise humanitaria da que tamén son responsables". A convocatoria partía de oito colectivos  

Manifestación de solidariedade cos refuxiados en Pontevedra
Manifestación de solidariedade cos refuxiados en Pontevedra / PontevedraViva

Varios centos de pontevedreses manifestáronse este domingo en solidariedade coas persoas refuxiadas.

Tras concentrarse na Praza da Ferrería, os asistentes protagonizaron unha manifestación polo centro da cidade demandando que "os estados e institucións europeas non están respondendo á crise humanitaria da que tamén son responsables".

Dentro das mobilizacións suscitadas en todo o estado, a marcha pontevedresa estaba convocada por oito colectivos: Federación de Veciños Castelao, os sindicatos Traballadores da Sanidade Pública (TSP), UGT, CC.OO. e CIG e os partidos BNG, PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra.

No manifesto da protesta faise un "chamamento á responsabilidade de estados e institucións" e á "mobilización social e a solidariedade". Ademais invítase "aos concellos a que se adhiran ao movemento de cidades refuxio".

"Son persoas que están fuxindo de países en situación de grave conflito humanitario onde existe certo risco para a integridade das súas familias", sinalan estes colectivos, que non entenden que "Europa se mostre incapaz de acoller en condicións dignas" ás 400.000 persoas que, segundo Eurostat, entraron na Unión Europea en situación de risco durante o presente ano.

Ao acto acudiron representantes dos colectivos convocantes, incluídos os partidos políticos, aos que se sumaron en primeira instancia representantes tamén de Partido Popular e Ciudadanos, aínda que se ausentaron antes de que comezase a manifestación.