Sonia Fernández-Arruty asume a Dirección de Procesos Asistenciais dos hospitais de Pontevedra e o Salnés

Pontevedra
10 de marzo 2017

O xerente, José Ramón Gómez Fernández, anunciou este venres aos profesionais sanitarios o cambio no equipo directivo e tamén fixo oficial a continuidade do resto do equipo de dirección á fronte da institución

Sonia Fernández-Arruty Ferro
Sonia Fernández-Arruty Ferro /

O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez Fernández, anunciou este venres aos profesionais da área sanitaria a substitución do doutor José Antonio Ortigueira Espinosa na Dirección de Procesos Asistenciais, que dende agora será asumida pola doutora Sonia Fernández-Arruty Ferro.

José Ramón Gómez fixo oficial o cambio no equipo directivo nun acto celebrado no salón de actos do Hospital Montecelo, no que José Antonio Ortigueira tivo a oportunidade de despedirse dos seus compañeiros, agradecendo aos profesionais o seu traballo realizado durante unha etapa especialmente complexa.

O xerente tamén fixo oficial a continuidade do resto do equipo directivo nas categorías de Procesos con ingreso, de Procesos sen ingreso e Urxencias, de Procesos de Soporte, de Enfermaría e de Recursos Económicos.

RENOVACIÓN

Segundo dixo, a renovación no equipo directivo ten como obxectivo "impulsar a innnovación na xestión e a capacidade de adaptación do sistema público aos novos retos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés". 

Sonia Fernández-Arruty Ferro é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Navarra, Fernández-Arruty ten unha experiencia de cinco anos en postos de dirección e xestión, ocupando cargos como o de subdirectora de Procesos con ingreso de Santiago de Compostela en 2012 ou directora de Procesos con ingresos de Santiago en 2013. Actualmente vén de ocupar a dirección de Procesos Asistenciais da EOXI de Santiago.