Sorprenden un mozo na AP-9 con máis de 2.000 doses de cocaína no seu coche

Umia
06 de xuño 2020

O mozo foi detido como autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. Ademais, a Garda Civil denunciouno por non respectar o confinamento que determina o vixente estado de alarma pola crise sanitaria da COVID-19, ao viaxar entre as provincias da Coruña e Pontevedra sen causa xustificada

Efectos intervidos ao mozo detido en Caldas por drogas
Efectos intervidos ao mozo detido en Caldas por drogas

Un mozo de 24 anos foi detido pola Garda Civil tras ser sorprendido circulando pola AP-9 con máis de 2.000 doses de cocaína no interior do seu coche.

Os axentes interceptaron a este mozo nun control de estrada que estaban a realizar no punto quilométrico 110 da autoestrada AP-9, ao seu paso por Caldas de Reis, para vixiar os desprazamentos entre provincias.

Ao parar o vehículo, e ante as dúbidas que lles ofrecía o condutor, que era natural da Coruña,  os axentes detectaron que levaba a droga oculta nunha parte do vehículo. A cocaína estaba xa disposta para a súa venda. Viña prensada e envasada ao baleiro.

Tras este rexistro, o mozo foi detido como autor dun delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.

Ademais, a Garda Civil denunciouno por non respectar o confinamento que determina o vixente estado de alarma pola crise sanitaria da COVID-19, ao viaxar entre as provincias da Coruña e Pontevedra sen causa xustificada.

O detido pasará a disposición xudicial perante o xulgado de instrución de garda de Caldas nas próximas horas. Farao de forma telemática.