"Sorpresa" na Deputación ante as críticas da alcaldesa de Moraña pola estrada Mane-Rebón

Umia
18 de xuño 2020

A administración provincial defende que está a avanzar actualmente na redacción do proxecto de renovación da estrada provincial tal e como acordaron coa alcaldesa de Moraña no encontro mantido entre ambas as dúas institucións o pasado mes de febreiro

Visita da alcaldesa de Moraña á estrada EP-0503 Mane-Rebón Concello de Moraña

A Deputación de Pontevedra está a avanzar actualmente na redacción do proxecto para a estrada provincial EP-0503 no tramo Mane-Rebón, no concello de Moraña.

É a resposta da administración provincial ás críticas da alcaldesa, Luisa Piñeiro, por acometer un asfaltado no tramo pertencente a Barro.

Segundo a Deputación, está a cumprirse coa redacción do proxecto o acordo alcanzado entre ambas as institucións nunha reunión o pasado mes de febreiro. Ese proxecto foi entón licitado pero non puido ser adxudicado ata maio debido ás limitacións impostas pola crise sanitaria e o estado de alarma.

Segundo o deputado de infraestruturas, Gregorio Agís, acordouse no seu momento que cando se finalizase a redacción do proxecto volvería reunirse, pero mentres tanto unha vez levantadas as restricións do  Covid-19 realizáronse labores de mantemento, limpeza de rozas e cunetas, e mesmo se procedeu a renovar a sinalización horizontal no tramo en discordia.

Agís mostrou a súa "sorpresa, desagrado e finalmente enfado, xa que é incomprensible que cando estamos a cumprir escrupulosamente co acordado, a alcaldesa poida saír cuestionando o que está falado e pactado directamente con ela".