Sorpresa para os viaxeiros da alta velocidade: Pontevedra é portada da revista do Club Renfe

Pontevedra
11 de xuño 2024

A Revista Club Renfe deste mes de xuño dedica a súa portada á cidade de Pontevedra e a reportaxe central da sección + de 200 Km/hora, dirixida a "grandes destinos aos que viaxar a máis de 200 km/hora"

Portada do número 96 da revista Club Renfe do mes de xuño dedicada a Pontevedra
Portada do número 96 da revista Club Renfe do mes de xuño dedicada a Pontevedra

A Revista Club Renfe deste mes de xuño dedica a súa portada á cidade de Pontevedra e a reportaxe central da sección + de 200 Km/hora, dirixida a "grandes destinos aos que viaxar a máis de 200 km/hora".

Esta revista distribúese fisicamente nos trens de alta velocidade e longa distancia e pode tamén consultarse na súa edición dixital na páxina web de Renfe: Revista Club Renfe - Junio 2024.

Pontevedra entra nas páxinas da revista Club Renfe ao ser un destino ao que chega a alta velocidade, un servizo que comezou a prestarse o pasado 21 de maio co tren S106 modelo Avril (Alta Velocidade Roda Independente Lixeiro).

PONTEVEDRA, A CIDADE TRANQUILA

A reportaxe asinada por Martín Ulloa (texto) e Lino Escurís (foto) cualifica a Pontevedra como "a cidade tranquila", que "deu as costas ao coche e goza da zona vella peonalizada máis extensa de Galicia".

A foto de portada recolle en primeiro plano a balconada do edificio Castro Monteagudo do Museo Provincial e, ao fondo, a praza da Leña, co seu emblemático cruceiro e as casas baixas con xanelas de marcos verdes.

En páxinas interiores, detense nas prazas e rúas do centro histórico, "o lugar ideal para paseantes e veciños sen présa" e destaca a súa "agradable vida cultural e unha poboación puxante en torno ao eixo industrial atlántico".

Nesta publicación, convídase o viaxeiro a facer da capital da provincia o seu punto de destino.