Sorpresas en Moraña con motivo dos aniversarios

Umia
15 de abril 2020

O Concello de Moraña en colaboración cos integrantes de Protección Civil desenvolven unha campaña para festexar os aniversarios de residentes no municipio que, durante estes días de confinamento, se atopen de aniversario

Campaña de celebración de aniversarios durante a corentena
Campaña de celebración de aniversarios durante a corentena / Concello de Moraña

Continúan xurdindo iniciativas durante estas xornadas de confinamento. O Concello de Moraña en colaboración cos integrantes de Protección Civil puxeron en marcha unha campaña para animar á poboación.

Se algún residente das vivendas do municipio, sobre todo se se trata de escolares, se atopa durante estes días de corentena de aniversario, desde o Concello queren darlle unha pequena sorpresa cunha felicitación simpática. 

Aquelas persoas interesadas en que esta felicitación se leve a cabo só teñen que chamar ao teléfono 650.407.079 e informar do nome e da idade da persoa de aniversario, ademais de indicar a data dos aniversarios e a dirección.

Desde o Concello recomendan avisar coa máxima antelación, como mínimo 48 horas, para que se poidan axustar os horarios do persoal voluntario de Protección Civil e non interfira no resto de actividades que teñen que afrontar durante estas xornadas.

Con esta campaña, desde o goberno local queren agradecer á veciñanza o comportamento que se está mantendo ao longo do estado de alarma e facer estes días máis levadíos.