Sorteo solidario na Seca este venres para axudar a poboación de Ucraína

Poio
27 de maio 2022

A Asociación AGA Ucraína organiza este venres 27 de maio o segundo sorteo solidario organizado para recadar fondos que serán destinados á poboación ucraína que continúa en guerra. Será a partir das 20.00 horas na sede da Comunidade de Montes de San Xoán de Poio, situada na Seca, e vai prolongarse ata as 22.30 horas

Cartel anunciando o sorteo deste venres 27 en Poio organizado por AGA Ucraína
Cartel anunciando o sorteo deste venres 27 en Poio organizado por AGA Ucraína

Este venres 27 de maio celébrase un novo sorteo organizado pola asociación AGA Ucraína co obxectivo de recadar fondos que se destinarán á poboación ucraína que continúa no seu país sufrindo as consecuencias da guerra.

Este evento comezará a partir das 20.00 horas na sede da Comunidade de Montes de San Xoán de Poio, situada na Seca. O horario previsto de finalización sitúase ás 22.30 horas. Persoal voluntario de AGA en Pontevedra preparou o salón principal deste espazo e fai un chamamento á veciñanza de Poio para que se achegue a participar deste acto solidario e benéfico no que se repartirán diferentes premios.

Entre outras posibilidades, os participantes poderán optar a noites de aloxamento en hoteis; circuítos spa; ceas en restaurantes do municipio ou comidas; vales desconto para compras no comercio local; lotes de conservas; masaxes terapéuticas; servizos de salón de peiteado e barbaría ou pasaxes en catamarán para as Illas Ons e Cíes, entre outros.

No anterior sorteo, celebrado no Casino Mercantil de Pontevedra, lográbase unha recadación de 1.380 euros coas rifas. Fátima Ferreira, responsable provincial da asociación, móstrase moi satisfeita pola asistencia e participación cidadá nese evento e agarda que poida repetirse este venres en Poio. Ademais, agradece a colaboración de empresas de toda a comarca doando agasallos para obter estes fondos destinados a axuda humanitaria.