SOS Panadeira farase notar na etapa de La Vuelta con final en Sanxenxo

Sanxenxo
22 de agosto 2013

Dende SOS Panadeira están interesados en dar a coñecer o problema que xera o proxecto de ampliación do porto deportivo, polo que aproveitarán a proxección mediática que ofrece este evento. Este xoves, aproveitando a baixamar, algo máis dun centenar de integrantes e simpatizantes do colectivo formaron a cadea humana coa que uniron as praias de Panadeira e Os Barcos

A protesta do colectivo SOS Panadeira estará presente na etapa de La Vuelta ciclista a España con final en Sanxenxo, segundo anunciaron este xoves os seus voceiros.

Dende SOS Panadeira están interesados en dar a coñecer o problema que xera o proxecto de ampliación do porto deportivo, polo que aproveitarán a proxección mediática que ofrece este evento.

Este xoves, aproveitando a baixamar, algo máis dun centenar de integrantes e simpatizantes do colectivo formaron a cadea humana coa que uniron as praias de Panadeira e Os Barcos. Con este acto reivindicativo insisten na súa denuncia de que colocación de novos peiraos entre a estreita lámina de auga existente entre os xa instalados e as praias urbanas de Os Barcos e Panadeira supoñerá unha mingua importante do espazo para o baño, así como da calidade das augas e da seguridade dos bañistas.

O voceiro deste colectivo, Carlos Quintia Celaya, sinalou que eses novos peiraos, cos seus brazos principais, os seus fingers e os espazos reservados para as manobras dos barcos, "só ofrecen beneficios privados a unha empresa privada, a custa da deterioración irreversible de bens de carácter público e interese social, co conseguinte prexuízo para todos os veciños".