Coincidindo coa folga que levan a cabo este martes 13 os traballadores de Atención especializada de Vigo, a plataforma SOS Sanidade Pública de Pontevedra convocou unha concentración aberta a todos os cidadáns na praza da Peregrina, a partir das 20.15 horas, en solidariedade cos profesionais e os pacientes que teñen que acudir ao novo Hospital de Vigo 'Alvaro Cunqueiro'.
Desde a plataforma alertan de que desde a Xunta de Galicia preténdese crear en Monte Carrasco un hospital privatizado similar ao hospital vigués e os integrantes deste colectivo entenden que os cidadáns deben opoñerse para defender a sanidade pública e apostar por unha ampliación de Montecelo.
Ao mesmo tempo, a concentración servirá para denunciar, segundo os organizadores, as precarias condicións que presenta o novo Hospital de Vigo, esixir o abandono da política de privatización sanitaria que, segundo denuncian, propón o Partido Popular e reclamar a reversión a mans da sanidade pública galega o Hospital Álvaro Cunqueiro.