SOS Sanidade Pública convoca unha nova manifestación contra os recortes sanitarios

Pontevedra
04 de marzo 2015

A marcha vai desenvolverse o 19 de marzo ás 20.00 horas e partirá do Hospital Provincial. Os colectivos que forman parte da Plataforma denuncian que na última década perdéronse arredor de 275 camas nos hospitais pontevedreses

Membros de SOS Sanidade Pública
Membros de SOS Sanidade Pública / PontevedraViva
SOS Sanidade Pública lamenta que Pontevedra careza dun Hospital de segunda clase /

Os cidadáns volven estar chamados a participar nunha nova manifestación en contra dos recortes na sanidade pública. A plataforma SOS Sanidade Pública convoca esta marcha que está prevista para o xoves 19 de marzo ás 20.00 horas con saída fronte ao Hospital Provincial para finalizar ante a Subdelegación do Goberno.

Representantes do BNG, do PSOE, de Anova e Marea Pontevedra, de CC.OO., UGT e CIG presentaron esta convocatoria na mañá deste mércores 4 con dirixentes da Federación Castelao mostrando a súa preocupación pola falta de investimentos na área sanitaria de Pontevedra por parte da Xunta de Galicia.

O doutor Víctor Pedreira denunciou que Núñez Feijóo prometera que antes de final de 2014 estaría finalizado o Hospital de Monte Carrasco e non obstante, Pontevedra mantense na mesma situación sen hospital novo nin ampliación de Montecelo, como se demanda dende esta plataforma.

Pedreira lamentou que o municipio pontevedrés careza dun Hospital de segundo nivel como lle correspondería pola súa poboación e por ese motivo non conta con servizos que debería ter como cardioloxía intervencionista, radioterapia, hemodinámica, medicina nuclear, cirurxía pediátrica ou cirurxía maxilofacial. Denunciou ademais os prexuízos que leva consigo para os pacientes ter que desprazarse ao Hospital Universitario de Santiago en detrimento do Hospital de Vigo, que é o de referencia na provincia.

Os representantes sindicais mostraron a súa preocupación tamén pola situación laboral, con incremento das quendas, dos traballadores dos centros hospitalarios públicos de Pontevedra que ten como consecuencia, segundo afirmaron, a deterioración da calidade asistencial. Rafael Vázquez, de CC.OO., destacou a perda de ao redor de 220 camas na área sanitaria de Pontevedra durante a última década. Indicou que, na actualidade, o Provincial e Montecelo suman preto de 500 camas.

SOS Sanidade Pública anunciou que nos próximos días, previos á manifestación, realizarán actividades de protesta e de sensibilización cidadá para atraer a poboación á manifestación do día 19.