SOS Sanidade Pública pide transparencia nas listaxes de espera dos hospitais

Pontevedra
14 de marzo 2018

O 13 de abril convocan a cidadanía para concentrarse diante do Hospital Provincial ás 20.30 horas reclamando, entre outros temas, a retirada da reforma da Lei Galega de Saúde e que o Sergas deixe de derivar pacientes a hospitais privados

Portavoces da Plataforma SOS Sanidade Pública
Portavoces da Plataforma SOS Sanidade Pública / PontevedraViva

A plataforma SOS Sanidade Pública convoca unha concentración cidadá ante o Hospital Provincial ás 20.30 horas do 13 de abril. Neste acto queren manifestar a súa preocupación pola decisión do goberno galego de aprobar a reforma da Lei Galega de Saúde. 

Este mércores, representantes deste colectivo a través de Juan Manuel Loureiro lamentaban a "maquillaxe" que desde o Sergas está a levarse a cabo coas listas de espera. Consideran que son "listas falsas" e cren que a proba máis palpable desta situación quedou en evidencia coa denuncia de Pedro Corsino, xefe do servizo de oftalmoloxía, sobre o envío dos pacientes diagnosticados e pendentes de operación de cataratas a novas consultas duplicando o tempo de espera. 

Os integrantes de SOS Sanidade Pública afirman que se están derivando a pacientes de varices a hospitais privados sen advertilos de que o tempo de recuperación é máis amplo e máis molesto, indicou Víctor Pedreira. Denuncian que o seguimento postcirúrxico volve realizarse en hospitais públicos mentres que as operacións derívanse a privados. "Non existe boa fe por parte da administración", indican desde este colectivo.

Critican que aínda se descoñeza o destino que terá o Hospital Principal unha vez que se cre o Gran Montecelo e alertan da deterioración da Atención Primaria con masificación das cotas que superan os 1.500 cartóns por médico fronte ás 1.250 que estaban establecidas. Sinalan tamén que non se está substituíndo ao persoal de baixa. 

SOS Sanidade Pública reclama que as listas de espera sexan transparentes, que se acaben coa derivación de pacientes a centros privados, piden información detallada do plan funcional e a gratuidade do aparcadoiro do Gran Montecelo, ademais como que ao edificio do Hospital Provincial se o dote de uso sanitario no futuro.