Despois dun ano de traballo o Ecoparque Empresarial da Montesiña está máis preto de converterse en realidade.
Segundo avanza o goberno local de Soutomaior, "nas próximas semanas" sairá a licitación a redacción do proxecto de desenvolvemento desta zona empresarial, no que se investirán preto de 80.000 euros.
O obxectivo do Concello é que no recinto da Montesiña se ofrezan naves a empresas locais para que poidan seguir crecendo ou para que empresas foráneas se instalen no municipio.
Para levar a súa construción a cabo, seguirase o procedemento de desenvolvemento por cooperación coas diferentes persoas propietarias dos terreos.
Isto permitirá que parcelas que na actualidade teñen catalogación agraria poidan transformarse en dereitos de construción de naves empresariais, explica a administración local.
O Ecoparque Empresarial da Montesiña é unha "actuación estratéxica", asegura o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
"Temos claro que o futuro de Soutomaior pasa por dinamizar a economía local e atraer empresas e por iso non escatimaremos esforzos en que o noso concello poida ter un Ecoparque Empresarial respectuoso co medioambiente, dinámico e atractivo para as empresas", defende o rexedor.
Segundo Lourenzo o municipio conta con "todo o necesario para que as empresas se asenten e crezan no noso concello: un forte dinamismo social, unha gran ubicación con comunicacións fluídas e o propio carácter emprendedor do noso tecido empresarial local".