Xa hai data para o XXIV Certame da Camelia do Concello de Soutomaior.
A cita terá ademais nova localización, ao pasar a celebrarse na Casa do Pobo de Moreira.
Terá lugar en concreto os días 28 de febreiro e 1 de marzo, e desde este martes 3 de febreiro será posible xa inscribirse para o mesmo segundo explicaron na presentación do evento a concelleira de Promoción Económica, Hostalería e Comercio, Rosana Comesaña, e a edil de Turismo e Cultura, Silvia Cernadas.
Un certame convertido xa en referencia despois de tantos anos e que será todo un punto de encontro para cultivadores e afeccionados ás camelias.
A actividade principal será a exposición de composicións de flor de camelia que se desenvolverá este ano na Casa do Pobo de Moreira, ademais de nos centros educativos e nos escaparates no comercio e hostalaría local.
Tamén están previstas actividades complementarias como a realización dun obradoiro de deseño de camisetas e estampación titulado 'A camelia está de moda', unha actividade de relaxación con aceite de camelia, un obradoiro de 'chapas customizadas' ou o concerto do trío '3.COM'.
Ao certame poderán concorrer todas as persoas, profesionais ou afeccionadas, nacionais ou estranxeiras, físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos: presentar unha composición de flores de calquera especie e variedade de camelia, así como calquera das súas híbridos.
Contará con premios económicos en todas as categorías, (centros educativos, comercio e hostalaría e a exposición na Casa do Pobo de Moreira) e o premio especial Lelita Gradín.
Ademais como novidade habilitarase un premio ás asociacións locais pola súa implicación e tamén se outorgará un premio á inclusividade.
Xunto ao Certame da Camelia os días 28 de febreiro e 1 de marzo a Biblioteca Luís Seoane acollerá unha edición especial da 'Hora do conto', os días 23 e 27 de febreiro, centrada na camelia, xunto a un taller-mural expositivo de 'Literatura e camelias'.
As incripciones poderán formalizarse até o día 20 de febreiro a través de https://soutomaior.gal/actividades/.