Soutomaior despide con éxito a súa Semana Grande

Soutomaior
09 de agosto 2025

Foron sete días nos que renderon homenaxe á música, a gastronomía e o comercio local

Semana Grande de Soutomaior 2025
Semana Grande de Soutomaior 2025 / Concello de Soutomaior

Soutomaior viviu sete xornadas de intensa celebración con motivo da súa Semana Grande.

A festa deu comezo o pasado 1 de agosto co tradicional chupinazo e concluíu este xoves coa Romaría de San Caetán na ermida homónima situada no castelo despois de render tributo á música, á gastronomía local e ao comercio do municipio.

O evento contou coa actuación de orquestras como Panorama, Combo Dominicano, América de Vigo e Gran Parada, que encheron de ritmo os 'torreiros', xunto a grupos tradicionais como Aires da Castrelada, Catro Ventos e a Banda Artística de Arcade. Non faltaron tampouco propostas como o Trío Azabache e Demasiadas sombras y pocas luces, que animaron as noites de festa.

O 3 de agosto, un dos días máis especiais da semana, rendeuse homenaxe ás cociñeiras e cociñeiros locais que levaron o nome de Soutomaior por todo o mundo. O showcooking, protagonizado por Joaquín Lema, Victor Luís Martínez Reguera, José Ramón Vaqueiro Cima, Serafín Álvarez, Antón Fontela, Jesús Falcón e Casimiro Cernadas, ofreceu ás público degustacións gratuítas dalgúns petiscos. Ese día tamén se celebrou a gran comida popular con música en directo, á que asistiron máis de 200 persoas.

O día do Patrón, celebrado o 6 de agosto, estivo marcado pola tradicional procesión na que participaron veciños de todos os barrios.

A Semana Grande culminou coa Romaría de San Caetán.

O alcalde, Manu Lourenzo, agradeceu a implicación do operativo especial de seguridade durante os días de celebración e recoñeceu que "foron sete días de compartir, de facer pobo, facer veciñanza, días de reencontros, de baila e onde reinaron o bo ambiente e as ganas de pasalo ben".