Soutomaior estrea un novo modelo de xestión de residuos a partir da vindeira semana

Soutomaior
21 de maio 2026

O acto terá lugar ás 20:30 horas no Multiúsos de Arcade e está aberto á participación da veciñanza.

Campaña do novo modelo de xestión de residuos de Soutomaior
Campaña do novo modelo de xestión de residuos de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior e a empresa concesionaria Urbaser presentarán este venres o novo modelo de xestión de residuos do municipio, que comezará a aplicarse a partir da vindeira semana.

O acto terá lugar ás 20:30 horas no Multiúsos de Arcade e está aberto á participación da veciñanza.

Durante a presentación, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o delegado de zona de Urbaser, Diego Paz, e o CEO da empresa de comunicación Sihaho, Manuel Pan, explicarán os detalles da nova campaña de concienciación ambiental, que se desenvolve baixo o lema "Conscientes, medra en verde".

A iniciativa busca avanzar cara a un municipio máis limpo e sostible, reforzando a implicación da cidadanía na correcta xestión dos residuos.

O novo modelo inclúe a implantación de colectores renovados en todo o concello e unha maior atención á separación de residuos, especialmente no que respecta ás fraccións de cartón e materia orgánica.

Tamén se abordará o funcionamento do punto limpo, o servizo de recollida de voluminosos e o punto verde de atención cidadá situado nas instalacións de Urbaser.

A campaña conta ademais cun compoñente divulgativo e creativo, no que o debuxante galego Luís Davila achega a súa visión a través da creación de personaxes que pretenden facilitar a comprensión da reciclaxe e promover hábitos responsables co medio ambiente entre a veciñanza.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora