Soutomaior humanizará a Praza Poza do Souto

Soutomaior
16 de marzo 2026

O obxectivo é humanizar e aumentar a seguridade viaria da zona para mellorar os núcleos rurais e a calidade de vida da veciñanza

Manu Lourenzo na Praza Poza do Souto en Moreira
Manu Lourenzo na Praza Poza do Souto en Moreira / Concello de Soutomaior

O Concello de Soutomaior anunciou a humanización da Praza Poza do Souto, no barrio de Moreira, para regular o fluxo peonil, mellorar a seguridade viaria e renovar a pavimentación do espazo.

O proxecto consistirá na ampliación da superficie peonil e a creación dunha área libre, ampla e segura que favoreza a mobilidade, o lecer e os encontros veciñais.

Incorporarán tamén zonas verdes e espazos de xogo para converter a praza nun núcleo de centralidade e referencia no barrio.

A actuación conta cun investimento de 151.000 euros de fondos propios municipais.

O alcalde, Manu Lourenzo, destacou este luns que "Moreira conta cun inmenso valor patrimonial e unha fermosura paisaxística única, polo que as actuacións urbanas que se leven a cabo deben de estar acordes coa identidade e as características neste barrio".

Lourenzo lembrou que esta obra se suma ás xa executadas en Fondo de Vila e Ouxil.