Soutomaior investirá 45.000 euros en recuperar os parques infantís

Soutomaior
10 de xuño 2024

O goberno local de Soutomaior presentou a través do Plan + Provincia un proxecto para a recuperación e restauración das zonas de xogo infantil do concello

Manu Lourenzo e Pablo Garrido visitando o parque de Veiguiña Longa
Manu Lourenzo e Pablo Garrido visitando o parque de Veiguiña Longa /

O goberno local de Soutomaior agarda financiar co Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra, os máis de 45.000 euros nos que está orzamentado o plan para a recuperación dos parques infantís do municipio. 

A primeira actuación deste proxecto estará centrada nas zonas de xogo do Peirao, da Feira, da Devesa, da Veiguiña Longa, Aranza, Moreira e a de Lamela.

No momento de entrada do BNG no goberno local fixo unha auditoría dos parques infantis do concello que, segundo sinalou o concelleiro de Urbanismo Pablo Garrido concluíu que "é lamentable o estado no que se atopan a práctica totalidade dos parques", tanto na súa conservación como no seu mantemento. 

"Isto supón un serio risco para os rapaces e rapazas que acoden a estes parques e desloce a imaxe que Soutomaior traslada ás familias que veñen ao concello cos seus fillos e fillas", dixo o concelleiro.

Soutomaior ten 18 parques e a planificación prevista prioriza as actuacións naquelas zonas que teñen maiores usuarios co obxectivo de corrixir todas as deficiencias para preservar a seguridade dos menores e de mellorar as instalacións para que poidan xogar e desfrutar. 

Aproveitaranse estes proxectos para promover a inclusividade nestes espazos recreativos adaptándoos para que calquera menor, sexa cal sexa a súa diversidade funcional, poida desfrutar de maneira autónoma deles.