O Concello de Soutomaior presentou o seu novo programa municipal de lecer e tempo libre, Verán Activo.
Trátase dunha proposta integral deseñada para dinamizar os espazos de recreo do municipio e fomentar o benestar, a creatividade e a convivencia entre toda a veciñanza.
O programa, que se desenvolverá durante todo o mes de xullo, busca ofrecer alternativas de ocupación do tempo libre a través dunha ampla oferta dirixida a todos os públicos.
As actividades foron presentadas este venres por Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, e Rosana Martínez Boullosa, concelleira de Igualdade, Mocidade e Benestar. Ambos destacaron que o lecer é fundamental para a autorrealización e o encontro entre persoas, e animaron a todos os empadroados a participar en actividades que promoven estilos de vida saudables, potencian inquietudes artísticas e reforzan habilidades útiles para a vida cotiá.
Verán Activo abarcará actividades lúdicas, deportivas e de convivencia que prometen diversión, aprendizaxe e desenvolvemento persoal nun ambiente seguro e enriquecedor. A programación está pensada para a mocidade, as familias, as persoas maiores de 60 anos e, en xeral, para toda a cidadanía, cun forte enfoque na inclusión, garantindo os apoios necesarios para que todos poidan compartir momentos de lecer.
Desta forma, dentro do programa están incluídas actividades deportivas para todas as idades, como andainas, bailes deportivos ou deportes de aventura no medio natural.
Para as persoas maiores de 60 anos e co obxectivo de promover o benestar integral e un envellecemento activo, propuxeron actividades grupais como petanca, pickleball, bailes e andainas.
No caso dos grupos familiares, realizarán actividades deseñadas para compartir tempo libre e gozar interactuando nun espazo lúdico e de aprendizaxe.
Outras das propostas son os campamentos temáticos para fomentar a diversión, a aprendizaxe e a socialización, como o Campamento de Surf en Razo, o de Inmersión Lingüística en Inglés na Estación de Manzaneda e o de novas tecnoloxías "Cri-Tic", que se impartirá no IES Soutomaior.
Por último, as actividades inclusivas permitirán a participación de todas as persoas, independentemente das súas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas, eliminando barreiras e promovendo a diversidade.
As inscricións para todas as actividades realizaranse a partir do 9 de xuño ás 9:00 horas a través do apartado de pre-inscrición de actividades na web do Concello.
Aínda que o prazo xeral conclúe o 20 de xuño ás 21:00 horas, as inscricións para o campamento de baloncesto estenderanse do 9 ao 30 de xuño, e para o campamento "Cri-Tic", do 9 ao 13 de xuño.