Unha moto municipal, que estaba cedida á anterior agrupación de Protección Civil, foi recuperada polo Concello de Soutomaior. Estaba desaparecida desde 2020, data na que consta o último rexistro deste vehículo. O goberno municipal seguira pagando o seguro desde entón.
Tras revisar o inventario facilitado polos anteriores responsables da agrupación de Protección Civil de Soutomaior, no que non constaba o vehículo, estes trasladaron ao Concello descoñecer a existencia da moto.
Unha vez que o pleno de Soutomaior acordou levar a cabo un informe por parte dos servizos técnicos municipais das contas e actividades da antiga agrupación, apareceron facturas do arranxo deste vehículo por parte de Protección Civil no ano 2020.
Ante esta situación irregular, o Concello de Soutomaior viuse na obriga de presentar unha denuncia ante a Garda Civil pola desaparición do vehículo, para intentar esclarecer o ocorrido.
Tras realizar as investigacións pertinentes, os axentes da Garda Civil atoparon finalmente a moto municipal, localizada nun taller de compravenda de vehículos no concello de Barro.
A Garda Civil púxose en contacto co propietario do taller para coñecer o estado actual da moto e comezar coa tramitación para que Soutomaior a recupere tras catro anos desaparecida.
O concelleiro de Interior, Diego Moreira, sinala que esta situación irregular relacionada coa anterior agrupación de Protección Civil súmase a outras, como a causa prexudicial aberta polo sobrecusto en determinadas facturas de produtos.
"Dende o goberno de Soutomaior traballamos para esclarecer e solventar todas as irregularidades atopadas neste e noutros servizos, sempre pensando no mellor para o Concello e a nosa veciñanza", sostivo o concelleiro.