O sindicato de traballadores de Xustiza SPJ-USO celebrou este xoves as obras que a Xunta de Galicia anunciou o mércores para reformar o edificio xudicial vello de Pontevedra, na Parda.
As obras, que van sacarse a licitación por máis de 221.700 euros, anunciáronse despois dun encontro este mércores na Parda entre o director xeral de Xustiza, José Tronchoni; a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido; o secretario coordinador provincial de Pontevedra, José Miguel Formoso Sobrado; e a subdirectora do Imelga en Pontevedra, Beatriz Otero.
Desde SPJ-USO lamentan que o colectivo máis amplo de traballadores afectados, os funcionarios da Administración de Xustiza (xestores, tramitadores, auxilios e médicos forenses), non tiveron representación na citada xuntanza. "Non fomos invitadas nin informadas", critican.
As actuacións van mellorar os espazos que ocupan a subdirección do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), o decanato, o xulgado de garda, o servizo de seguridade e os despachos dos sindicatos. Ademais, inclúen o pintado de parámetros interiores e das escaleiras de emerxencia.
Desde o sindicato aplauden que "ao fin" se leven a cabo estas actuacións anunciadas, "algunhas delas reiteradas ducias de veces" por eles, e anuncian que estarán "vixiantes pola correcta execución dos traballos que, de novo, foron anunciados".