A alcaldesa de Marín, María Ramallo, presidiu este luns unha nova reunión da Mesa Local de Comercio, un encontro no que se puxo o foco no impulso da actividade comercial do municipio.
Xunto a ela participaron a concelleira de Comercio, Cristina Acuña; o axente de Emprego e Desenvolvemento Local; representantes dos distintos grupos da Corporación municipal; membros das asociacións comerciais Estrela de Marín e Acemas, así como da Xunta de Galicia.
Un dos principais asuntos tratados foi a organización do Stock Marín, a feira de oportunidades e saldos promovida pola asociación Estrela coa colaboración do Concello e da Xunta.
A cita xa ten datas confirmadas e celebrarase durante a fin de semana do 6 ao 8 de febreiro, converténdose na edición de inverno dun evento que tamén conta cunha versión estival.
Esta feira supón unha excelente ocasión para que os establecementos comerciais de Marín poidan dar saída aos seus produtos almacenados con prezos moi atractivos, ao tempo que a veciñanza pode beneficiarse de auténticas gangas e apoiar o comercio local.
Ademais, a reunión serviu para facer balance das distintas actividades e iniciativas desenvolvidas ao longo do ano polas dúas asociacións comerciais, así como para avanzar algunhas das propostas e accións que se prevé impulsar de cara ao 2026, reforzando así o dinamismo e a vitalidade do tecido comercial marinense.