Suárez Costa da conta ao Consello da Autoridade Portuaria das principais xestións realizadas

Pontevedra
26 de abril 2018

Entre xaneiro e marzo, o Porto de Marín creceu un 12,12% con respecto ao mesmo período do ano anterior. O crecemento dáse tanto no capítulo de graneis sólidos como no de mercadoría xeral

Consello de administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra
Consello de administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria celebrado este xoves foi informado do resultado provisional do movemento de mercadorías no primeiro trimestre do ano.

Entre xaneiro e marzo, o Porto de Marín creceu un 12,12% con respecto ao mesmo período do ano anterior. O crecemento dáse tanto no capítulo de graneis sólidos como no de mercadoría xeral.

Por outra banda, o Consello de Administración autorizou a realización dun período de prácticas de capacitación para optar á habilitación como práctico no Porto de Marín e Ría de Pontevedra ao aspirante que en pasadas semanas superou as probas teóricas, segundo a certificación de cualificacións expedida pola Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Deste xeito, unha vez culminado o período de prácticas de 6 meses e tras a correspondente habilitación por parte de Mariña Mercante, o Porto podería contar cun terceiro práctico en sumarse ao servizo.

O presidente da Autoridade Portuaria, Jose  Benito Suárez Costa, deu conta ao Consello das principais xestións realizadas no último mes así como do inminente inicio das obras para a reconstrución da torre baliza de Picamillo. A obra, que conta con financiamento do Fondo de Compensación Interportuario, consiste na execución dun soporte de cimentación sobre o baixo Picamillo e unha torre baliza de 18,50 metros de altura.