O subdelegado do Goberno recoñece o labor de Luís Villamil á fronte da Oficina de Prensa da Garda Civil

Pontevedra
01 de setembro 2025

Luís Villamil, que celebrou 65 anos o pasado 25 de agosto, finaliza así unha dilatada traxectoria profesional iniciada en 1977

Abel Losada e Luis Villamil
Abel Losada e Luis Villamil / Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recoñeceu este luns a traxectoria do sarxento primeiro Luís Villamil Hermida, con motivo da súa xubilación tras anos de servizo na Garda Civil e, en particular, polo seu labor á fronte da Oficina Periférica de Comunicación (OPC) da Comandancia de Pontevedra.

Durante o encontro, Losada agradeceu o "valioso e impagable traballo realizado nestes últimos catro anos" por Villamil, destacando a súa "profesionalidade e a súa dedicación constante para achegar á cidadanía o traballo diario da Garda Civil no ámbito rural da provincia". A demarcación abarca todo o territorio provincial excepto as zonas urbanas de Pontevedra, Vigo-Redondela e Vilagarcía.

O subdelegado subliñou a estreita colaboración mantida entre a OPC e a Subdelegación do Goberno, e puxo en valor a "accesibilidade" e o compromiso mostrado polo sarxento primeiro.

Losada cualificoulle como "unha peza fundamental desa engrenaxe que serve para que a sociedade estea informada do inxente traballo que as mulleres e homes da Benemérita desenvolven día tras día, non só na investigación e persecución do delito, senón en moitas outras facetas da vida social".

Luís Villamil, que cumpriu 65 anos o pasado 25 de agosto, finaliza así unha dilatada traxectoria profesional iniciada en 1977, cando ingresou na Garda Civil.

Prestou servizo no posto de Bueu e, posteriormente, na Comandancia de Pontevedra, onde permaneceu máis de tres décadas á fronte da Intervención de Armas e Explosivos.

Tamén estivo destinado brevemente no aeroporto do Prat, en Barcelona, antes de asumir, xa en situación de reserva, a xefatura da Oficina de Prensa da Garda Civil en Pontevedra.

A súa xubilación marca o peche dunha etapa profesional caracterizada polo servizo público e a comunicación institucional ao servizo da seguridade cidadá.