Substitúen 56 puntos de luz en Vilaboa para reducir o gasto enerxético

Vilaboa
24 de outubro 2014

Estas obras, que se realizaron grazas unha agrupación de municipios xunto a Marín e Pontevedra, inclúense na liña de axudas da Consellería de Economía e Industria que permitirá aos concellos diminuír ata un 60% a factura eléctrica das instalacións substituídas

José Manuel Cores Tourís durante a visita a Vilaboa
José Manuel Cores Tourís durante a visita a Vilaboa / Xunta de Galicia

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou as obras que se realizaron no concello de Vilaboa, no ámbito do Toural, para a mellora da eficiencia enerxética.

Cambiáronse 56 puntos de luz nesta zona a través dun investimento de 30.000 euros, dos que 25.500 foron achegados pola administración autonómica. Desta forma, o concello poderá contar cun aforro enerxético de 20.049 kWh/ano que permite evitar un gasto de 2.500 euros anuais. Ademais, redúcense 13,03 toneladas de CO2 ao ano, o que equivale a 651 árbores.

Durante a visita, o delegado estivo acompañado polo tenente de alcaldía do concello de Vilaboa, Ornela Fernández, e polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, ademais de pola concelleira de Servizos Sociais, María Canosa.

Estes traballos realízanse grazas á liña de axudas que a Consellería de Economía e Industria destina a este proxecto que permite aos concello diminuír ata un 60% a factura eléctrica das instalacións. No caso de Vilaboa, a subvención obtívose a través dun proxecto agrupado cos concellos de Marín e Pontevedra, ao que se destinaron dende a administración autonómica 127.500 euros, realizándose, en total, un investimento de 150.000 euros.