Unha subvención de Turismo de Galicia permitirá sinalizar toda a fachada marítima de Arcade

Soutomaior
01 de abril 2025

O tramo sobre o que se propón actuar é o que transcorre entre o peirao de Arcade e a ponte histórica de Ponte Sampaio sobre a que pasa o Camiño Portugués e que marca o límite con Pontevedra

Paseo marítimo de Arcade
Paseo marítimo de Arcade / Concello de Soutomaior

Ata 29.000 euros recibirá o Concello de Soutomaior a través dunha subvención de Turismo de Galicia, un investimento que estará destinado a incrementar e mellorar os recursos turísticos do municipio, en concreto de toda a fachada marítima de Arcade.

O proxecto aprobado consiste nunha actuación de sinalización e creación de contidos interpretativos nas marxes do sendeiro que percorre a ribeira do río Verdugo, a súa desembocadura e a enseada de San Simón, dentro da parroquia de Santiago de Arcade.

En concreto, o tramo de 1.270 metros sobre o que se propón actuar é o que transcorre entre o peirao de Arcade e a ponte histórica de Ponte Sampaio sobre a que pasa o Camiño Portugués a Santiago e que marca o límite co municipio de Pontevedra.

Este proxecto implica, por unha banda, a instalación de seis sinais de carácter interpretativo nas beiras dun sendeiro de terra xa existente e, por outra, a creación de contidos interpretativos (texto e imaxes) para incorporar aos sinais e á web municipal.

Para a concelleira de Turismo, Silvia Cernadas, esta axuda permitirá "actualizar e preparar unha zona especialmente turística" para que tanto a veciñanza como os visitantes "poida gozar desta contorna nas mellores condicións".

O proxecto, que se converterá nunha realidade a finais deste ano, busca mellorar a calidade da experiencia dos visitantes sinalizando os principais recursos turísticos da zona por onde transcorre a senda e mellorar a experiencia e alternativas de visita dos turistas.

Ademais, pretende habilitar unha nova alternativa de ocio aos peregrinos que se achegan polo Camiño Portugués e dotar a Arcade dunha infraestrutura de calidade orientada tanto ás actividades de ocio como ao exercicio físico e ao coñecemento da contorna natural e cultural.

Unificar e modernizar a sinalética dos recursos turísticos, promover o coñecemento e respecto polo patrimonio histórico e cultural de Arcade ou destacar a importancia ambiental de todo este ámbito completan as liñas de traballo desta actuación.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora